Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta valora que a OCDE sitúe a Galicia como exemplo de boas prácticas na súa administración


Galicia leva executadas ou en vías de execución o 91,1 por cento das medidas que o Estado recomendou a todas as CC.AA. españolas

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto compareceu en rolda de prensa xunto ás representantes da Organización de Cooperación ao Desenvolvemento (OCDE) para informar do balance sobre os resultados da visita que están a facer na nosa comunidade para analizar o cumprimento do Informe CORA na nosa Comunidade.

Natalia Prieto, xunto a Policy Analyst da División de Gobernanza Reviews e Partenariado da OCDE, Paqui Santoja, e a directora da oficina para a execución da reforma da Administración da Vicepresidencia do Goberno, Angelina Trigo, deron conta das múltiples reunións de traballo que mantiveron ao longo destes dous días con representantes do Goberno galego, e avanzaron algunhas das conclusións que serán reflexadas nun informe que será publicado no vindeiro mes de xuño.

Na súa intervención, a responsable da OCDE, Paqui Santoja destacou a relevancia e importancia do traballo levado a cabo en Galicia, e incidiu na relevancia de ter comezado antes incluso de que o Estado publicara o informe CORA, destacando o grao de cumprimento nos eidos da Transparencia de das Novas Tecnoloxías. Ademais de incidir que Galicia é obxecto de estudo continuo por parte da OCDE pola implantación das políticas en materia rural e pesqueira nos últimos cinco anos.

Pola súa banda, a directora da oficina para a execución da reforma da Administración da Vicepresidencia do Goberno, Angelina Trigo, fixo especial fincapé no esforzo levado a cabo na nosa comunidade e que vai servir coma exemplo para o resto da comunidades autónomas do Estado español coma pioneira nesta reforma da Administración e exemplo de boas prácticas.

Xuntanzas con representantes das distintas consellerías
Durante a visita á nosa comunidade, puideron manter diversas reunión de traballo con representantes de todas as consellerías que lle foron explicando polo miúdo as medidas levadas a cabo neste proceso de reforma da Administración.

Así, mantiveron unha xuntanza co vicepresidente da Xunta, e con representantes da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, para a mellora na coordinación en materia de cooperación ao desenvolvemento e a planificación conxunta entre Xunta e Estado no ámbito da Cooperación ao Desenvolvemento. Mantiveron tamén diversas reunións de traballo nas que se analizaron a plataforma de contratación, o rexistro de licitadores, a central de contratación; o Plan Anual de política de emprego, o Portal Único de emprego, ademais da coordinación dos Observatorios Autonómico, tanto da Infancia como da Xuventude, no eido do Traballo. No encontro que mantiveron cos responsables de Economía e Industria explicáronlle como se suprimira as autorizacións municipais para poder por en marcha unha nova actividade a través da Lei de Emprendemento de Galicia.

As representantes da OCDE entrevistáronse tamén con membros do Instituto de Estudios de Territorio, do IGAPE e da Axencia Galega de Infraestruturas, ademais da Amtega, onde coñeceron as medidas postas en marcha relacionada ca plataforma de intermediación de datos e o Plan de Administración e Goberno dixitais, e finalmente na consellería de Sanidade, analizaron as medidas tomadas en relación ca receita electrónica, a historia clínica dixital e a tarxeta sanitaria.

Segundo lembrou a directora xeral, no marco do cumprimento do CORA, Galicia xa que leva executadas ou en vías de execución o 91,1 por cento das medidas que o Estado recomendou a todas as CC.AA. españolas, e por este traballo levado a cabo na nosa comunidade, Galicia foi elixida xunto á comunidade de Murcia para esta visita da OCDE .